Noticias

Medidas de Prevención. COVID-19 Galicia.

CONSELLERÍA DE SANIDADE

 ORDE do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios.

Medidas aplicables ás persoas con sintomatoloxía compatible co COVID-19

1. Calquera persoa que chegue á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á súa chegada, fóra do territorio autonómico e que experimente algún dos síntomas máis comúns compatibles co COVID-19, tales como febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de garganta, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos, deberá permanecer no seu domicilio ou no lugar de aloxamento e comunicalo ao Servizo Galego de Saúde coa maior brevidade.
2. Para os efectos do disposto no número anterior, as persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia deberán pórse en contacto co seu médico de cabeceira a través dunha consulta telefónica para que este poida determinar o que proceda.
No caso de persoas non residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, estas deberán chamar ao teléfono 881 00 20 21, co fin de que se lles dean as indicacións que procedan.
3. No caso de existiren persoas conviventes no domicilio ou no lugar de aloxamento, as persoas con sintomatoloxía compatible co COVID-19 deberán evitar o contacto con elas e, se é posible, usar un cuarto de forma exclusiva ata recibir instrucións do servizo sanitario.

Medidas aplicables ás persoas procedentes de determinados territorios

1. As persoas que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á dita chegada, en territorios cunha alta incidencia do COVID-19 en comparación coa existente na Comunidade Autónoma galega ou respecto dos cales non se dispoña de información ou de datos fiables sobre a situación epidemiolóxica existente neles, quedan sometidas ás seguintes medidas de prevención:
a) No prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia, as ditas persoas deberán comunicar os datos de contacto e de estadía na Comunidade Autónoma de Galicia que se recollen no anexo. Para tal fin, deberán cubrir o formulario dispoñible no enderezo https://coronavirus.sergas.gal/viaxeiros ou ben subministrar os ditos datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. Así mesmo, tamén será posible a comunicación dos datos de contacto a través da aplicación que para estes efectos poida habilitar a Consellería de Sanidade.
Os datos debe subministralos a propia persoa ou o seu representante legal, que serán responsables de que a información recollida sexa veraz e precisa.
A obriga prevista nesta letra é aplicable tanto ás persoas residentes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia como ás non residentes no dito territorio e deberá cumprirse independentemente da presenza ou non de síntomas compatibles co COVID-19.
b) Os datos subministrados serán empregados polas autoridades sanitarias autonómicas exclusivamente para contactar coas ditas persoas para o cumprimento de finalidades de saúde pública, para os efectos de facilitarlles a información e as recomendacións sanitarias que procedan, así como, de ser o caso, en atención ás concretas circunstancias concorrentes, para a adopción das medidas sanitarias que resulten necesarias, sempre de acordo coa lexislación aplicable e buscando, de maneira preferente, a colaboración voluntaria da persoa afectada coas autoridades sanitarias.

DOG nº 150 do 28.07.2020
Compartir en Facebook
Compartir en Twitter

Etiquetas: